O ciclo "Galicia Importa" pecha a edición 2011 con máis de 4.000 asistentes

O ciclo Galicia Importa, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, pecha a súa edición de 2011 con máis de 4.000 asistentes a oito concertos de primeiro nivel. Enmarcado na celebración do Ano da Música de Galicia, a terceira edición deste ciclo trouxo a diferentes salas da xeografía galega as actuacións de artistas de todo o mundo que son referencia no seu estilo, permitindo aos afeccionados a música gozar coas actuacións de Peter Doherty, Jay Jay Johanson, M. Ward, Patrick Wolf, Bonnie ‘Prince’ Billy, Adam Cohen, Aloe Blacc e Bettye Lavette.
Deste modo, un ano máis o Ciclo Galicia Importa consolídase como un referente indiscutible dentro da programación musical galega e no Ciclo de concertos de música contemporánea de maior éxito celebrado en Galicia ata a data. Despois de contar cunha edición especial en 2010 con motivo do Ano Santo Xacobeo, na que grandes figuras como Joan Baez, Alice Cooper, Rufus Wainwright ou Interpol fixeron vibrar o público galego, este ano cumpriuse o reto de manter o nivel de calidade nas propostas seleccionadas conseguindo atraer público de todas as partes de Galicia e de fóra de nosa de comunidade.

O controvertido Peter Doherty abriu esta terceira edición o 16 de abril cun sorprendente concerto na compostelá Sala Capitol. As entradas esgotáronse días antes e colas de fans esperaron dende primeira hora da mañá o momento de ver este artista enriba do escenario. Un días despois, o 30 de abril o crooner da era electrónica Jay Jay Johanson hipnotizou os asistentes ao Auditorio de Expocoruña cun directo cargado de emoción.

O 19 de maio o artista M. Ward, un dos músicos máis respectados dos últimos anos da escena americana, non defraudou ao público que asistiu ao Auditorio Municipal de Vigo, despois de que figuras consagradas como Norah Jones, Noel Gallager ou Enrique Bunbury, gabaran o seu talento musical. Despois do parón estival, o 13 de outubro a Sala Mondo de Vigo acolleu o concerto de Patrick Wolfdeste, un artista transgresor que ofreceu un directo cargado de enerxía e cor.

A continuación, o 22 de outubro, Bonnie ‘Prince’ Billy actuou no Auditorio de Expocoruña nun concerto cargado de emoción no que Will Oldham acompañado da súa banda, conquistou o público que quedou pegado ao seu asento hipnotizado pola música deste gran compositor. O día 27 deste mesmo mes, o Salón Teatro en Santiago de Compostela converteuse no punto de encontro de centos de curiosos que viñan a comprobar a continuidade da saga Cohen, e non se foron defraudados. Adam Cohen, o fillo do lendario Leonard Cohen, presentou o seu novo traballo sen esquecer as súas raíces e rendendo homenaxe a algúns dos himnos do seu pai.

Aloe Blacc actuou o 6 de novembro na Sala Capitol nun concerto que sen dúbida foi un dos máis divertidos desta edición. O público que abarrotou a sala gozou do gran directo desta revelación do soul que fixo bailar a todos os asistentes ao ritmo que el marcaba. Finalmente, Bettye Lavette puxo o broche de ouro a este edición do Galicia Importa. O 8 de novembro o Teatro Rosalía de Castro da Coruña encheuse de admiradores desta gran diva que deleitou cun potente directo no que demostrou que é unha das grandes voces vivas do soul.