

ST Música Presente
A Axencia Galega das Industrias Culturais abre a terceira entrega do ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente", dirixido preferentemente á promoción de traballos discográficos galegos de todos os estilos diante dun público especializado. Unha vez máis, o Salón Teatro de Santiago será a sede deste programa de recitais, que nesta nova serie acollerá catro directos protagonizados por The Blows (14 de outubro), Lobalú (2 de novembro), Fon Román (24 de novembro) e Vaamonde, Lamas & Romero (13 de decembro).
O grupo galego The Blows abrirá o ciclo presentando os temas do seu novo traballo, Ejército de Fantasmas, co seu son característico de riffs de guitarra, teclados e baterías rítmicas. Entre as novidades máis destacables deste novo disco da banda viguesa destacan o cambio de idioma nas letras das cancións -que pasan do inglés ao castelán- e a introdución de novas texturas de son nas que está traballando coa batería electrónica, os sintetizadores e as guitarras como protagonistas. E todo isto, sen perder as coordenadas de estilo que adiantaron co seu primeiro traballo, Upskirts, e que xiran arredor do pop de influencias anglosaxonas.
A continuación será a quenda de Lobalú, o dúo musical composto por Héctor Lorenzo e Najla Shami, que presentarán o seu primeiro disco Haikus. Este traballo destaca polas súas composicións de grande sonoridade que navegan entre a música brasileira, o jazz e a música galega cun son moi persoal e cheo de cor. Haikus nace arrolado pola primavera. Botou flor devagariño, cos aloumiños dunha ducia e media de músicos e amigos e converteuse nun paseo polas catro estacións do ano enfeitado pola música e a poesía. Sen as moras regulamentarias mais coa métrica da alma, cada composición, atesoura un anaquiño da musicalidade e sensibilidade dos que a conforman. O agasallo da súa impronta fai de cada un deles creadores deste espazo e catalizadores dun proceso que tivo a súa orixe na sinxeleza dunha guitarra e unha voz.
Fon Román protagonizará o terceiro dos recitais. Pasaron tres anos desde Silencio cómodo en un jardín descuidado, o seu debut en solitario co que deixaba atrás a súa etapa como guitarrista de Piratas. Tres anos nos que Fon non parou de investigar ata chegar a Entretelas o seu segundo álbum, resultado da súa prolongadada experiencia como músico, compositor, produtor e adaptador. Entretelas é en si, un concepto global de música e estética. Trátase dunha obra que vai máis alá do estritamente músical, con cancións creadas a partir de retallos, de pezas soltas, de versos rescatados. Un traballo de pop elegante e intimista cuxas letras e melodías sintetizan a evolución do pop español.
O trío máis retranqueiro da música galega pechará esta terceira entrega de “ST Música Presente” cun concerto no que presentará a súa nova proposta escénica cun repertorio composto exclusivamente por temas dunha única formación da historia de Galicia: Os Trintas de Trives. Como xa nos teñen acostumados, Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero ofrecerán a súa particular visión cómica e desprexuizada deste cuarteto, que triunfou hai máis dun século aquí e alén das nosas fronteiras e cuxa traxectoria é un cúmulo de singularidades, anécdotas e vangardismo. O cosmopolitismo na montaña ourensá.
Promoción e difusión de discos galegos
Promovido pola Agadic, en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), o ciclo “ST Música Presente” botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.
Desde a súa posta en marcha participaron neste programa os artistas Linho do Cuco, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito Cuarteto, Ophiusa, Bellón Maceiras Quinteto, así como Niño y Pistola, Bruma, Silvia Penide, Abe Rábade Trío e Xacobe Martínez Antelo Cuarteto.
Entradas á venda
A venda anticipada de entradas para os catro concertos xa está operativa a través da billeteira electrónica da web http://entradas.novacaixagalicia.es e do teléfono 902 434443, mentres que o despacho de billetes do teatro estará aberto desde dúas horas antes do comezo de cada recital. Para as citas do programa ST Música Presente, que en todos os casos darán comezo ás 21.00 horas, establécese unha tarifa especial única de 5 euros por localidade.











