A programación musical de Vigo Transforma contou con preto de 20.000 asistentes

Vigo.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta tarde o balance do festival Vigo Transforma 2011 celebrado entre o 23 de xuño e o 2 de xullo no marco das celebracións do Ano da Música de Galicia 2011. O conselleiro asegurou na súa intervención que "nos tres días de concertos, Vigo Transforma conseguiu reunir a preto de vinte mil espectadores", unha cifra que "fala ben claro da capacidade de atracción que xera o festival" e que o converte "nun dos eventos máis importantes do panorama nacional". A rolda de prensa contou coa participación da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares; a directora xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero e o director de Esmerarte, Joaquín Martínez Silva.
No acto celebrado na delegación da Xunta de Galicia en Vigo, Roberto Varela destacou o "éxito da segunda edición do festival" e identificouno co "premio a un traballo ben feito, e a unha proposta musical e cultural moi ben articulada". Ademais da parte musical do festival, o conselleiro de Cultura lembrou a importancia doutras actividades como o Foro Internacional de Festivais Musicais que "supón unha excelente oportunidade para a colaboración e a proxección internacional", ou a iniciativa Vasos Comunicantes que "afonda nas relacións entre música, arte e paisaxe urbana de Vigo e pola que se estima que pasaron preto de 80.000 persoas".

O titular de Cultura e Turismo tamén salientou "a cobertura do Festival por parte dos medios de comunicación" e informou que "en total, foron 80 medios acreditados". Neste senso, o conselleiro valorou especialmente como "os comentarios feitos polos xornalistas teñen sido moi positivos, salientando tanto a calidade do cartel como o bo funcionamento da organización". Respecto a presenza de Vigo Transforma nas redes sociais, Roberto Varela comunicou que a actividade "multiplicouse con respecto á primeira edición" e que "a páxina web oficial tivo este ano 127.000 visitas, un 80% máis que o ano pasado".

Tras a experiencia do Xacobeo 2010, Roberto Varela apuntou que, neste Ano da Música 2011, "Galicia segue a medrar como escenario musical de referencia" e subliñou "o feito de que a produción do festival fora integramente realizada por empresas galegas", así como "a importante presenza de artistas galegos no cartel". O conselleiro recordou que "un dos obxectivos primordiais deste Ano da Música era poñer en valor o importantísimo labor que fai a nosa industria musical", así como incidir "moi positivamente na creación de emprego e na actividade económica do país". O responsable de Cultura concluíu, á vista das cifras recollidas tras o festival, que Vigo Transforma "é tamén un acontecemento cun impacto socioeconómico moi positivo para a cidade de Vigo e para a súa área de influencia".

Alcance mediático
A segunda edición do Festival Vigo Transforma vén de confirmar ao evento como unha cita básica dentro do calendario de festivais nacionais, debido ao gran alcance mediático e ao éxito de asistencia obtido durante a súa celebración. Con presenzas destacadas en medios nacionais, o festival destacou polos comentarios positivos despregados en medios de comunicación e redes sociais, sinalando o bo funcionamento da organización e a relevancia adquirida polo evento, xa convertido nunha das citas musicais ineludibles do noso país.

En cifras globais, nos tres días de concertos, o festival Vigo Transforma 2011 reuniu a 19.500 persoas,16.500 dos cales presenciaron a programación do Porto e 3.000 pasaron polo escenario gratuíto Radio 3-Mondosonoro. Tocante aos medios de comunicación, Radio 3 retransmitiu de xeito especial os concertos do evento con programas resumo o venres de 17 a 19 horas e o sábado de 15 a 17 horas, así como conexións en directo entre as 23 e á 1 horas. Pola súa banda, a Radio Galega retransmitiu integramente o festival que contou con 80 medios acreditados, con presenza de medios nacionais como TVE, Cuatro, Ruta 66, Rockdelux, Jenesaispop, Telecinco, Go Mag, Elmundo.es ou Mondo sonoro. Nas canles de televisión nacionais, o festival puido seguirse a través de TVE no seu programa España Directo, na 2 de TVE coa cobertura do concerto de Moby e unha entrevista co artista neoyorquino, así como outras canles nacionais como Cuatro e Telecinco.

Ademais do éxito da programación musical. non hai que esquecer o excelente resultado do festival en todas as súas actividades. Vigo Transforma afonda nunha das calidades básicas da música, a transversalidade. O festival propón un frutífero diálogo coas expresións máis vangardistas e rompedoras das artes plásticas. As iniciativas de Vasos Comunicantes contaron coa participación de ata 80.000 persoas. Dentro desta iniciativa, o Festival Vigo Transforma realizou un desfile de novos deseñadores Fashionlunch. Don’t feed the model, que ofreceu un percorrido polas tendencias máis transgresoras dos novos deseñadores galegos, seleccionadas entre multitude de propostas. A exhibición dos androides de Giles Walker, esculturas cinéticas feitas con materiais atopados en depósitos de chatarra, a iniciativa Waves, a través da que Daniel Palacios crea un xogo de acción reacción cun largo trozo de corda que xenera son segundo a cantidade de espectadores e os seus movementos ou o proxecto TransBahía Pacman, que proxectou o famoso videoxogo Comecocos sobre a fachada do hotel, foron outras actividades que gozaron dunha gran acollida.

Na rede o festival tamén acadou un gran seguimento. A web oficial www.vigotransforma.com contou con 127.000 visitas, o que supón un 80 % máis que no mesmo período do ano pasado, cun total de case 500.000 páxinas vistas. Vigo Transforma 2011 chegou ata os 6.500 seguidores en Facebook, cun aumento de máis de 4.000 nesta última edición do festival e 1.000.000 de visualizacións das publicacións. A través da rede social twitter, o festival sumou 1.590 seguidores, cun aumento de 710 seguidores nesta nova edición e 265 mencións da conta oficial do festival. Practicamente todos os tweets postos desde a conta do festival foron retuiteados, en ocasións ata por dez usuarios diferentes. Todos os artistas participantes con conta de twitter comentaron algo sobre o festival.

Ademais, Vigo Transforma volveu a ser un ano máis un Festival Sostible, comprometido co medio ambiente, tras ser o primeiro evento galego que aplicou o compromiso medioambiental segundo as indicacións da consultora de Medio Ambiente Universo Vivo. Deste xeito, realizouse unha plantación de árbores autóctonos para compensar o impacto medioambiental xerado na primeira edición.