O mellor da música clásica en Galicia Classics 2011

O ciclo Galicia Classics recolle a estela do Xacobeo Classics en canto ao esquema da súa programación e nace co obxectivo de ofertar concertos de primeira calidade para complementar as programacións musicais que xa existen en Galicia, aportando actuacións de primeiro nivel internacional, sen esquecer a música de autores galegos. Esta iniciativa, enmarcada no programa do Ano da Música de Galicia e organizada pola Xunta de Galicia e Novacaixagalicia, vén a dar cumprimento ao compromiso adquirido en 2010 respecto á continuidade dos grandes festivais do Xacobeo 2010, xunto ao Sónar 2011 e o Galicia Importa.
Despois de que Xacobeo Classics conseguira reunir en 2010 a programación máis ambiciosa da nosa historia no eido da música clásica, coa presenza de moitos dos máis famosos intérpretes, directores e orquestras do mundo, Galicia Classics reunirá ás figuras máis importantes da música clásica en seis grandes ciclos, o dedicado ás Grandes Orquestras, outro de Grandes Voces, un apartado para os Grandes Intérpretes, outro destinado á ópera e os ciclos Made in Galicia e En Xira. Con estes apartados, Galicia Classics continuará o compromiso coa música clásica iniciado en 2010 con Xacobeo Classics, que se pechou con máis de 40.000 asistentes ao medio cento de actuacións programadas.

Entre os meses de febreiro e decembro, prográmanse preto dunha trintena concertos de música clásica nas principais vilas da Comunidade. O director francés Georges Prête, co concerto inaugural do ciclo en Vigo ao mando da Orquestra Filarmónica de La Scala, o finlandés Essa Pekka-Salonen ou o ruso Yuri Simonov son algúns dos nomes propios que actuarán por primeira vez en Galicia neste 2011. Do mesmo xeito, grandes directores como o arxentino israelí Daniel Barenboim ou o británico John Elliot Gardiner pasarán neste 2011 polos escenarios galegos. As grandes voces de Elina Garança ou Gregory Kunde e a mestría ao violoncello de Mischa Maisky serán tamén acontecementos destacados no programa de Galicia Classics, sen esquecer, por suposto a artistas galegos como Borja Quiza, Teresa Novoa, Carmen Durán ou a Agrupación Cantábile, así como os principais compositores galegos históricos e actuais.

No presente 2011 Ano da Música de Galicia, a Xunta de Galicia realiza un especial esforzo na programación do ciclo de música clásica con motivo da conmemoración do VIII Centenario da consagración da Catedral, dada a súa consideración de acontecemento de excepcional interese público e a importancia que este monumento ten, non só para Santiago, senón para toda Galicia. Deste xeito tres dos grandes nomes da programación do Galicia Classics, Daniel Barenboim, Elina Garanca e Mischa Maisky, renderán homenaxe á Catedral con tres extraordinarios concertos en Santiago.

Programación Classics
No marco do Ciclo Grandes Orquestras, Barenboim dirixe o 8 de xullo a Santiago de Compostela á Staatskapelle Berlín, un dos conxuntos máis sólidos e venerados do vello continente. Este é o primeiro concerto da súa nova xira e nel ofrece un programa monográfico centrado en Anton Bruckner.

No Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, a Philarmonia Orchestra, un dos conxuntos máis prestixiosos do Reino Unido e fundado por Walter Legge, ofrece o 11 de novembro un programa excepcional coa recuperación, un século despois do inicio da súa composición, da ópera de Bela Bartock ‘O Castelo de Barba Azul’, que estará protagonizada en versión concerto pola soprano Measha Bruggergosmann. O gran pianista Yefin Brofman interpreta xunto a eles o Concerto para piano número 3 de Bela Bartock.

O violonchelista Mischa Maisky ofrece en dúas sesións únicas na Igrexa de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela a integral das suites para violonchelo de Johann Sebastian Bach que este intérprete gravou para o selo Deutsche Grammaphon. Os concertos serán o 7 e o 9 de xuño. Neste 2011, A Coruña e Vigo recibiron á Orquestra Filarmónica de Moscú, ao seu titular, o lendario Yuri Simonovm, e ao neto do mítico violinista David Oistrakh, Valery Oistrakh, para ofrecer un programa no que se interpretou a Primeira sinfonía de Sergei Rachmaninov e o Concierto para violín de Max Bruch.

Homenaxe a Liszt
A Santiago de Compostela tamén chega un dos maiores talentos do piano dos nosos días, o cubano Jorge Luis Prats, que interpreta o próximo 26 de maio no Centro Cultural Novacaixagalicia un completo programa que reúne os Estudios Sinfónicos de Schumann e a Fantasía de Busoni sobre a Carmen de Bizet. Na súa actuación, tamén inclúe a Liszt, compositor moi presente en toda a programación do ciclo Galicia Classics, xa que se cumpren 200 anos do seu nacemento. De feito, Freddy Kempf, un dos máis brillantes pianistas do momento, foi o encargado de iniciar os distintos tributos a este artista cun monográfico dedicado a Liszt no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A esta homenaxe a Liszt tamén se une o pianista Andreas Haefliger, que actua no Teatro Jofre de Ferrol o 26 de novembro. No seu concerto, Haefliger, un dos máis interesantes pianistas do momento, interpreta composicións de Liszt e de Schubert.

Tralo éxito acadado o ano pasado coa Misa en si menor de Bach, John Eliot Gardiner regresa en 2011 á cidade de A Coruña co que foi designado o mellor coro do mundo, o Monteverdi Choir, ao que nesta ocasión únese outro dos conxuntos fundados por Gardiner, a Orquestra Revolucionaria e Romántica. Todos xuntos ofrecen o 18 de outubro no Teatro Colón Novacaixagalicia a Misa de los salmos de Igor Stravinsky e a Misa en fa menor número 3 de Anton Bruckner. Por outra banda, unha das mellores agrupacións camerísticas do mundo, o Cuarteto Emerson, ofrece o 12 de setembro en Santiago de Compostela unha sesión dedicada á música do clasicismo con obras de Haydn, Mozart e Beethoven.
A Coruña tamén celebra o Ano Mahler co debut en Galicia dun dos mellores barítonos das últimas dúas décadas, o extraordinario cantante norteamericano Thomas Hampson, que interpreta tres dos coñecidos ciclos de cancións de Mahler co acompañamento do pianista Wolfgang Rieger. A cita é o 27 de outubro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Pontevedra. Outro dos máis fascinantes intérpretes vocais de hoxe, o contratenor Philippe Jaroussky, ofrece o 4 de decembro na cidade de A Coruña un concerto monográfico con arias de óperas de G.F. Händel, acompañado pola Orquesta Barroca de Friburgo. Jaroussky foi o intérprete máis aclamado en La coronación de Poppea, que ofreceu o ano pasado o Teatro Real.

Artistas galegos
O capítulo vocal de Galicia Classics enriquécese, ademais, cos recitais que ofrecen en Ourense a soprano Ángeles Blancas, e en Pontevedra o barítono Borja Quiza e a soprano Teresa Novoa. Blancas, a filla da gran soprano ourensá Angeles Gulín, acaba de obter un gran éxito no Covent Garden de Londres con Adriana Lecouvreur e na Ópera de Zúrich con Nabucco. E Borja Quiza recibiu en xaneiro o Premio Lírico ao mellor cantante de zarzuela pola súa participación en La viejecita dirixida por Lluís Pasqual. Teresa Novoa foi a encargada de reestrear o ano pasado a ópera O Mariscal.

O aniversario de Goyescas, a obra cume de Enrique Selectos, conmemórase neste ciclo dedicado á música clásica coa interpretación o 27 de outubro desta cima do pianismo español a cargo de Marta Zabaleta, unha das máis novas e brillantes pianistas españolas, en Santiago. A soprano Carmen Durán ofrece dous recitais en Lugo e Santiago centrados en música de autores galegos e a Agrupación Ofelia Nieto recordará a Álvaro Cunqueiro no seu aniversario con catro concertos en Lugo, Santiago, Ourense e Ferrol. Galicia Classics volve a apostar pola creación galega para ofrecer unha nova entrega do seu ciclo con música de autores da terra. Ademais, a Agrupación Xuvenil Cantábile recupera a versión orixinal do Dido e Eneas de Purcell, nunha nova produción realizada integramente en Galicia, con dirección musical de Jorge Montes, o director da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.

Dentro de Galicia Classics destaca a posta en escena de A ópera dos tres reás por parte do Centro Dramático Galego. Quico Cadaval, como director de escena, e Luís Tosar, como actor protagonista, están na xénese deste proxecto. En A ópera dos tres reás, Bertolt Brecht sitúa na Alemaña dos anos 30 a súa particular crítica ao sistema capitalista. Á formulación de Brecht uniuse a fascinante partitura composta polo seu amigo Kurt Weill, na que incorporou cabaré, jazz e música culta.
A versión actualizada do CDG estréase o 23 de xuño en Santiago de Compostela. Desenvólvese tamén unha xira que se prolongará inicialmente ata o 1 de outubro por distintos escenarios e festivais dentro e fóra de Galicia, con grandes fitos para a escena musical galega como a estadía durante dúas semanas en Madrid ou a visita do CDG por vez primeira ás Illas Canarias.

Programación galicia classics