:: 2011 ANO DA MÚSICA DE GALICIA

Galicia conmemora en 2011 o Ano da Música, unha homenaxe á música galega e á súa industria

A música é unha linguaxe universal tan antiga como o propio ser humano, e constitúe tamén unhas das manifestacións culturais máis enraizadas de Galicia. Ao longo da historia do noso país, esta arte, no seu infinito número de posibilidades e variedades, ten agromado con forza e convertido aos galegos en mestres da expresión musical. Na súa calidade de disciplina transversal, a música impregna a vida cotiá de todos os galegos e acompáñanos, consciente e inconscientemente, en todas as nosas actividades.

A música é unha linguaxe universal tan antiga como o propio ser humano, e constitúe tamén unhas das manifestacións culturais máis enraizadas de Galicia. Ao longo da historia do noso país, esta arte, no seu infinito número de posibilidades e variedades, ten agromado con forza e convertido aos galegos en mestres da expresión musical. Na súa calidade de disciplina transversal, a música impregna a vida cotiá de todos os galegos e acompáñanos, consciente e inconscientemente, en todas as nosas actividades.

A declaración de 2011 como Ano da Música por parte da Xunta de Galicia responde ao propósito de render unha homenaxe á nosa música e á nosa industria musical, e recoñecer o carácter estratéxico do sector dentro da cultura e da economía galega. O obxectivo último é poñer en valor a música de Galicia, e plasmar a importancia que ten para o desenvolvemento da cultura propia e o pulo que supón para as nosas industrias culturais. Os músicos galegos son sobranceiros embaixadores de Galicia e contribúen de xeito inestimable á promoción e divulgación da nosa cultura dentro e fóra das nosas fronteiras. O Ano da Música é un acto de xustiza e de agradecemento polo seu labor.

Para celebrar e dar realce a este Ano da Música, a Consellería de Cultura e Turismo ten preparada unha programación que superará amplamente os mil actos e na que estarán representadas todas as expresións e todos os estilos, dende a música de base e de inspiración popular ata as propostas máis anovadoras e vangardistas. Dende a Xunta de Galicia invítase a todos os galegos e galegas a tomar parte nas actividades programadas no Ano da Música de Galicia e contribuír deste modo ao recoñecemento unánime á nosa música, aos nosos músicos e á nosa industria musical.




Galicia é música
Un aspecto central do Ano da Música é a súa aposta pola música de base e polas expresións de orixe popular, que están intimamente unidas á propia esencia cultural de Galicia. Neste sentido, levaranse a cabo programas específicos de colaboración para a realización de diversas iniciativas con entidades como a Federación Galega de Bandas de Música, a Asociación de Gaiteiros Galegos, a Asociación Galega de Bandas de Música, a Asociación Galega de Compositores, a Federación Coral Galega, ou o Premio Constantino Bellón do Ateneo Ferrolán. Tamén as distintas sociedades filharmónicas que funcionan en Galicia, os conservatorios, as escolas de música e todos cantos se dediquen á interpretación, docencia ou ao mero goce musical de xeito amateur terán cabida no calendario de actividades musicais da Consellería de Cultura e Turismo en 2011.

A través do Ciclo nos Concellos desenvolverase unha programación nova e específica entre os meses de xuño e setembro, que será deseñada de xeito que garanta tanto a promoción da variedade de estilos musicais que actualmente se dan cita en Galicia, como a descentralización territorial que salvagardará o acceso de todos os galegos á mellor música en vivo. Está prevista a celebración dun centenar de concertos dentro deste ciclo, que poderán realizarse en espazos pechados ou en localizacións exteriores; e para os que tamén se prevé a posibilidade de que sexan protagonizados por unha soa ou por varias formacións artísticas. A Consellería de Cultura e Turismo dedicará un millón de euros a que a música chegue aos Concellos con esta iniciativa.

Ciclos e festivais
Galicia é terra de Festivais de música. Espallados por toda a nosa xeografía, permiten gozar dos mellores sons en vivo durante practicamente todos os meses do ano e concitan un crecente interese do público galego, español e internacional. O Festival internacional de Música Avanzada Sónar Galicia 2011 celebrarase en A Coruña o 17 e o 18 de xuño. Sónar volverá repartir capitalidade entre Barcelona e a cidade coruñesa en 2011 e achegará á Galicia unha trintena de actuacións dos nomes máis destacados da música electrónica e experimental. M.I.A., Magnetic Man, Underworld, Die Antwoord, Cut Copy, Boys Noize, Shackleton, James Holden, The Gaslamp Killer ou Buraka Som Sistema.

Vigo volverá a ser este verán escenario da mellor música internacional e galega na segunda edición de Vigo Transforma.. A iniciativa terá continuidade en 2011, do 23 de xuño ao 3 de xullo, e transformará de novo a Vigo nun centro inescusable de música e creación, grazas á artistas como Vetusta Morla, The Gift, Xoel López ou Eladio y los Seres Queridos, entre moitos outros.

Galicia ao Vivo reedita a experiencia do Ano Xacobeo, na que se reuniu baixo unha mesma marca aos principais festivais do noso país. Entón foron 12 os eventos incluídos; neste Ano da Música amplíase o apoio da Consellería de Cultura e Turismo a 20 festivais. O Festival Via Stellae chega á sexta edición, co seu orixinal e singular concepto completamente consolidado. En 2011 Via Stellae continuará levando a mellor música aos lugares máis emblemáticos da nosa xeografía. O Festival de Música Activa, de nova creación con motivo do Ano da Música, pretende representar activa e simbolicamente a influenza que ten a música sobre todos os aspectos da nosa vida e farao axudando directamente ao patrimonio de Galicia. O cartel do festival estará conformado maioritariamente por artistas galegos e a recadación do mesmo servirá para recuperar ou equipar algún ben patrimonial, instalación ou espazo de Galicia, que serán seleccionados polos internautas a través da web do Festival.

Os Ciclos do Ano da Música darán cumprimento á finalidade de envolver a Galicia da mellor música, da clásica á indie, durante todos os meses do ano. Galicia Classics fai fincapé nesa mesma aposta do Xacobeo Classics e xuntará nas principais vilas da Comunidade a nomes como o de Daniel Barenboim, John Elliot Gardiner, Georges Prêtre, Yuri Simonov, Elina Garança ou Mischa Maisky, sen esquecer, por suposto a artistas galegos como Borja Quiza, Teresa Novoa, Carmen Durán ou a Agrupación Cantábile, así como os principais compositores galegos históricos e actuais.

Galicia Importa incorpora neste 2011 a novos artistas á súa longa lista. Os tres primeiros serán Pete Doherty, na Sala Capitol de Santiago de Compostela o vindeiro 16 de abril; o sueco Jay Jay Johanson, o 30 de abril en Expocoruña; e o estadounidense M. Ward, o 19 de maio no Auditorio Municipal de Vigo. O resto de atractivas e recoñecidas propostas incluídas neste Ciclo desvelaranse proximamente.

O Festival Sinsal, coa súa peculiar aposta como ‘festival desestacionalizado’, con música para as catro estacións, alcanza xa a súa novena edición cunha extraordinaria vitalidade. Dentro dos Ciclos, Espazos Sonoros supón outra mostra da transversalidade da música. Nesta iniciativa os sons mestúranse co rico patrimonio histórico de Galicia, á vez que se procura a posta en valor deste último, mediante unha ampla programación tecida en torno a diferentes espazos de interese cultural. A proposta Pequeclassics pretende achegar a música clásica aos máis novos.

A Cidade da Cultura sumarase ás actividades do Ano da Música cun conxunto de actividades que fará das instalacións interiores e exteriores do complexo un versátil palco cheo de posibilidades para combinar a difusión da música co dinamismo inherente á propia Cidade, o Escenario Gaiás. Ademais de concertos singulares en emprazamentos ao aire libre durante os meses de verán, dúas agrupacións musicais, con distintos estilos dentro da música contemporánea, protagonizarán cadanseu ciclo de actuacións: o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) e a Orquestra de Música Espontánea de Galica (O.m.e.ga).





Embaixadores de Galicia
A Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con catro dos nomes galegos con maior proxección dentro do panorama musical internacional e seguindo o espírito da Declaración do Ano da Música feita pola Xunta de Galicia, pon en marcha a figura de embaixador da música como nova estratexia de difusión e promoción exterior da música galega e do conxunto da nosa cultura, empregando a marca Galicia como selo de creatividade e de calidade, ademais de referente da harmoniosa e frutífera convivencia entre tradición e vangarda. Berrogüetto, Luar na Lubre, Mercedes Peón e Xoel López son os catro grupos e artistas seleccionados para exercer como embaixadores musicais de Galicia neste Ano da Música. Na súa elección primaron, entre outros factores, o seu amplo recoñecemento internacional e a extensión e repercusión das xiras que desenvolverán durante 2011. En todas elas, a marca Galicia e a referencia á celebración do Ano da Música estarán moi presentes, tanto nas campañas promocionais como nos diferentes recintos e sobre os todos escenarios nos que actúen.

I Premios da Música Galega
Con motivo do Ano da Música, a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a creación dos Premios da Música Galega como evento de periodicidade anual a través do que articular unha nova canle de promoción e proxección da produción musical con sinatura galega. Estes galardóns aspiran a converterse, así mesmo, nunha marca de prestixio que deixe constancia da extraordinaria riqueza da nosa música actual, tanto dende o punto de vista da variedade e calidade das súas propostas artísticas, como das estruturas de traballo desenvolvidas por un sector dinámico e emprendedor que, malia as conxunturas económicas e tecnolóxicas, está a confirmar a súa emerxencia como industria cultural.

Neste sentido, o reforzo da visibilidade social da música como sector figura entre os principais obxectivos destes Premios da Música, a través dos que tamén se busca impulsar o recoñecemento público das mellores iniciativas musicais do ano, coa súa conseguinte repercusión a nivel promocional, e estreitar lazos entre os distintos ámbitos profesionais reunidos arredor do que pretende ser un evento anual de referencia.